Festival Solidario 2018 organizado desde IES María Soliño



FESTIVAL SOLIDARIO
COA ESCOLA MARÍA SOLIÑA DA INDIA
venres 1 de xuño ás 21:00h.

Desde 2004 un grupo de persoas encabezadas por Neneta Herrero, agrupadas na ONG “Shanga India” sosteñen en Pubai-Orissa, unha deprimida zona da India, a escola “María Soliña”. Máis de 300 persoas, a maioría de Cangas e Vigo, contribúen ao seu mantemento, grazas ao cal máis de 300 alumnas e alumnos desde os 5 aos 14 anos reciben clase, comen e son vestidos e calzados por esta escola que, ademais, acolle a 200 deles como internos e internas que dormen, almorzan, xantan, merendan e cean de xeito gratuíto (algúns todo o ano) grazas a esta ONG.

A escola dá traballo a 30 persoas autóctonas en nómina (profesorado, cociña, costura...) e desde a súa implantación produciuse un grande cambio na rexión, na que o mesmo goberno indio viuse impelido a investir. Hai dous anos, algúns dos seus primeiros alumnos e alumnas ingresaron na universidade. E todo cun custe que a nós pode parecernos asombroso: con 10 euros manteñen a un estudante cada mes, con 15 a un interno. En fin, con 3 euros dan de comer a 21 persoas.

Como cada dous anos, o IES María Soliño de Cangas, en colaboración con outros centros e entidades, organiza un Festival Solidario para axudalos a seguir adiante. Cunha entrada de 3 euros (=21 comidas), o sábado 1 de xuño ás 21.00 horas no Auditorio de Cangas, ti tamén podes colaborar nesta axuda asistindo a un acto no que actuará o grupo de Batucada do IES María Soliño, o Coro da Escola de Música do Conservatorio de Música de Cangas, o grupo de Danza da Escola de danza de Maite Quiñones, as alumnas do IES María Soliño Sara Vázquez e Raquel Calviño, o grupo de danza da Escola de danza de Inés Núñez, o grupo de pandereteiras Adonaire e o grupo folk Pardal na rúa.

Para aquelas e aqueles que non poidan asistir e queiran colaborar hai entradas Fila 0 e unha web oficial da O.N.G. na que informarse: www.shangaindia.org